Saturday 27 de April de 2024

A Xunta colabora co concello de Oroso na reforma do Parque Infantil da Escola de Vilacide


― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou esta mañá as actuacións levadas a cabo no recinto, que a Xunta financiou cunha achega de máis de 33.600 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público

― O Goberno galego inviste neste exercicio 4M€ en 125 actuacións financiadas no marco desta liña de axudas destinada a apoiar a posta en marcha ou a mellora de instalacións e equipamentos relacionados coa prestación de servizos municipais

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá o parque infantil da escola de Vilacide, no que a Xunta colaborou cunha axuda de máis de 33.600 euros ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público para a reforma do recinto mediante a mellora e renovación dos xogos.

As actuacións neste parque público situado na escola de Vilacide permitirán desfrutar ás familias dun espazo de lecer. Así, para mellorar as condicións das instalacións, renovouse a superficie cun novo chan de caucho continuo con base de cemento e retiráronse os xogos que estaban en mal estado por outros novos cos que reforzar a seguridade dos usuarios.

A Xunta colaborou nesta actuación a través da convocatoria do ano pasado da Orde de Infraestruturas de uso público, que neste exercicio mantivo o orzamento de 2020 con 4 millóns de euros para financiar 125 proxectos relacionados coa posta en marcha ou renovación das instalacións ou equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais nos concellos de menos de 30.000 habitantes.

A través desta orde, o Goberno galego investiu desde 2009 máis de 36,6 millóns de euros en 1.372 iniciativas relacionadas, por exemplo, coa construción ou melloras nos edificios ou dependencias municipais, en parques infantís como o da escola de Vilacide de Oroso, na pavimentación de camiños públicos, na posta en marcha e acondicionamento de instalacións deportivas municipais ou na renovación do alumeado público.

Entre esta liña de axudas e o Fondo de Compensación Ambiental co que se financian melloras ambientais nos municipios galegos, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 141 millóns de euros en 3.681 proxectos que contribuíron a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Nesta liña, Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para levar a cabo actuacións que, en moitas ocasións, os municipios non poderían executar en solitario.

No caso do concello de Oroso, o Goberno galego leva investidos máis de 315.600 euros no marco da Orde de Infraestruturas de uso público e do Fondo Compensación Ambiental.

Ademais, a Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes -á que pertence Oroso xunto con Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Tordoia e Trazo- foi premiada ata en tres edicións dos Premios Coopera por iniciativas conxuntas. Por iso, a Xunta aposta pola colaboración entre administracións e tamén a cooperación entre as propias entidades locais para compartir servizos co fin de acadar concellos máis sustentables e con capacidade de ofrecer de servizos de calidade aos seus veciños.